11 de xan. de 2013

Sombras chinescas

O curso de 4ºB representou para infantil a obra de sombras chinescas “As catro formigas”, para saber un pouco máis do tema explicaremos en que consisten. As sombras chinescas son un xogo popular e unha arte que consiste en interpoñer as mans ou figuras entre unha fonte de luz e unha pantalla, de maneira que a posición e o movemento das mans ou figuras proxecta sobre a pantalla sombras que representan distintos seres en movemento. As sombras chinescas non naceron en China, a pesar do seu nome, senón na illa de Java (Indonesia), aproximadamente uns cinco mil anos antes de J.C. Concibidas orixinalmente como xogo infantil, as sombras chinescas deron vida ao teatro de sombras que, procedente de Oriente, se popularizou en Alemaña e Francia, e posteriormente en todo o mundo. As sombras chinescas constitúen un dos primeiros esforzos por materializar o ancestral afán humano de reproducir o movemento sobre unha pantalla, e neste sentido poden concibirse como un remoto antecedente do cine. É doado representar un conto ou historia inventada, só tedes que facer as figuras en cartón, colocarlles un ou dous arames (dependendo se son articuladas), facer un pequeno decorado e a ensaiar! con un foco e unha saba (ou tea branca) é suficiente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario