20/10/2016

24 de outubro. Día das bibliotecas


Por iniciativa da Asociación Española de Amigos del lIbro Infantil y Juvenil, desde 1997, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor dos/as bilbiotecarios/as.

Este ano, as autoras selecionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel que se difunde foron as gañadoras do Premio Nacional 2015, Ledicia Costas e Elena Odriozola.

Celebra con nós o Día da Biblioteca!


Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 

Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 

Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?

Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!

Ledicia Costas
Información : Galix

19/10/2016

24 DE OUTUBRO DÍA DAS BIBLIOTECAS

Este luns 24 de outubro é o día das Bibliotecas e para non esquecer tan importante data...o noso pequeno recuncho adicado aos libros, xa está a preparar todo para tan importante conmemoración. Como xa vos adiantamos noutras entradas este ano temos unha mención especial a todas as artes, así que organizamos unha pequena exposición de libros que recompilan dende a fotografía, pintura, escultura, música...para facer un percorrido por cada unha das mesmas. 
Asemade, preparamos un cuadro de Piet Mondrian. Ollade a nosa exposición, agardamos que vos guste!!!









CHARLA CON CRSITINA NOVOA EN ESPAZO E LECTURA

Este venres 21 de outubro ás 18:00 horas,  para os amigos/as de Contos en Cueiros e para toda a xente interesada haberá un acto inaugural da tempada. Cristina Novoa, a máxima responsable da Asesoría das Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, orientará de forma amena e práctica, as familias, nais e pais, educadores/as e ao público aistente sobre a importancia de acompañar aos nosos fillos e fillas no seu proceso lector durante toda a infancia e adolescencia.
Tamén actuará a Banda dos Cueiros, un grupo de música infantil.

18/10/2016

Día da biblioteca

O vindeiro 24 de outubro abrirase formalmente a Biblioteca escolar co galo do Día das Bibliotecas Escolares. Para elo, a Biblioteca Paporrubio en colaboración con nenas e nenos que se prestan a compartir as súas dotes artísticas programou unha actividade que se levará a cabo de forma conxunta para todo o alumnado.

Programa

11/10/2016

O Papagaio, xornal para nenas e nenos en galego

Esta fin de semana chegounos a noticia do nacemento dun novo xornal en papel, dirixido especialmente a nenos e nenas de Primaria e Secundaria. Chámase O Papagaio, ten periodicidade mensual (dez números ao ano, descansando no verán), 12 páxinas a toda cor e publícase integramente en galego.
Está impulsado por Edicións moito conto, inclúe temas de actualidade e empresta unha atención especial á ciencia, tecnoloxía, ecoloxía, historia, arte, cultura, integración e banda deseñada. . O primeiro número xa está dispoñible na rede e ofrécese a posibilidade de subscribirse de xeito anual. Os seus responsables destacan que haberá unha  sección de ciencia e tecnoloxía asesorada por científicos/as e  presentada por un personaxe fixo: Simio o científico. De igual xeito, a sección de Ecoloxía contará tamén co asesoramento de profesionais e nel trataranse temas relacionados coa agricultura ecolóxica, a bioconstrución ou a reciclaxe. Os temas irán acompañados dun experimento que os e as lectoras poderán poñer en práctica.

Na sección de arte, un pintor chamado Pierrot explicará os segredos dos principais movementos pictóricos da historia; este apartado inclúe a proposta dun exercicio práctico sobre o estilo en cuestión. Dentro do obxectivo de fomentar a integración, aparece a sección Pratos para compartir culturas, que achega receitas de distintos paises. No apartado de Natureza terá un papel destacado "a fabulosa fauna lectora do noso hábitat", que relacionará as distintas especies animais autóctonas coa literatura universal; e, de igual xeito, incluirarse a sección SOS Especies ameazadas, na que os animais en perigo de extinción trasladarán as súas queixas a través dunha carta.

Tamén se inclúe unha sección fixa de banda deseñada, protagonizada por Wifi, un can intergaláctico que vive intensas aventuras nos distintos universos paralelos que nos rodean. E unha tira humorística, Viladenihil, con temática de ciencia ficción social



(Praza Pública)