9 de nov. de 2017

Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017: LEDICIA COSTAS


A novela titulada Plumas e unicornios da escritora viguesa Ledicia Costas foi galardonada co Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017.
A súa novela está ambientada no Londres victoriano. O personaxe principal é Ágata, unha humana mecánica, que co seu robot Tic-Tac,  emprenden unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador.
O xurado destacou que "o texto crea un universo de fantasía orixinal poboada de poderosos personaxes. Unha representación da loita do ben o o mal nunha obra literaria extremadamente coidada."

2 de nov. de 2017

I premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade: MARÍA REIMÓNDEZ

A escritora lucense María Reimóndez foi a gañadora do I premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, polo Concello de Vilalba e por Edicións Xerais.

A súa obra‘Fóra do normal’  foi premiada polo xurado polo tratamento da temática trans e a actitude na superación de conflitos.




24 de out. de 2017

Celebrando o día da BIBLIOTECA

Este martes 24 de outubro celebramos no noso centro o día da BIBLIOTECA. Para iso todos os alumnos e alumnas decoraron pezas de roupa cos nomes dos seus libros favoritos. Despois acercámonos a porta da nosa biblioteca onde tiñamos unha árbore chea de libros para intercambialos pola peza de roupa. Para rematar reflexionamos entre todos e todas sobre a importancia da biblioteca e o papel dos bibliotecarios e das bibliotecarias.

21 de out. de 2017

Día da biblioteca

DÍA DA BIBLIOTECA
logopetit.jpg24 de outubro

Este  martes 24 de outubro celébrase o día das Bibliotecas para destacar os beneficios da súa labor en prol da lectura, da cultura e da cidadanía.

Para darlle un significado especial a ese día, pedimos a vosa colaboración no desenvolvemento das seguintes actividades:

  • Vestímonos con libros
A árbore que hai na entrada do colexio ten pendurados das súas pólas libros que falan das bibliotecas e da lectura. Queremos encher a árbore con roupa estampada cos títulos dos vosos libros favoritos, para elo, colgaredes a roupa que se vos entrega (ou calquera outra si queredes) no lugar dos libros que están colgados,e colocar estes nas caixas contiguas)
O horario para evitar aglomeracións é o seguinte (falade co profesorado especialista en caso de coincidencia)
  • 9 - 9.25: 6º E.P.
  • 9.25 - 9.50: 5º E.P.
  • 9.50 - 10.15: 4º E.P.
  • 10.15 - 10.50: 3ºE.P.
  • 10.50 - 11.30: 2ºE.P.
  • 12.30 - 13.15: 2º ciclo de E.Infantil
  • 13.15 - 13.50: 1º E.P.
Podedes sacarvos algunha foto para encher o libro A biblioteca Paporrubio que iremos facendo ao longo da semana.

  • A biblioteca
Xunto a árbore hai un panel no que está o pregón deste ano para a celebración desta data. Trátase dun texto de Alejandro Palomas, gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2016.
Despois da súa lectura podedes manter unha conversa na que cadaquén expoña o significado que ten a biblioteca na súa vida. Podedes recoller as vosas ideas en papeis de cores que se pegarán nas follas do libro A biblioteca Paporrubio ao longo das semana.

Visitade o blogue co alumnado e atoparedes información sobre a biblioteca escolar .

  • Mochilas Viaxeiras.
Entregaranse as mochilas viaxeiras en canto dispoñamos de todos os materiais pendentes de entrega.

Esperamos a vosa colaboración.

xeografia historia_preview.jpeg

16 de out. de 2017

Os diccionarios

Compartimos o material elaborado no IES Porto do Son sobre os diccionarios. É un material moi aproveitable no eido da Alfabetización en información.


9 de out. de 2017

Como identificar noticias falsas


Nestes momentos en que calquera cousa que acontece, tanto na nosa contorna como noutros lugares máis alonxados, corre polas redes sociais a máis velocidade da que os medios de comunicación son quen de  recoller, parécenos moi interesante a publicación en galego desta infografía elaborada pola IFLA . 


Estas recomendacións son imprescindibles para traballar co alumnado aspectos a ter en conta á hora de valorar a información e fiabilidade das noticias. 


4 de out. de 2017

Antonio García Teijeiro PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL


"Un poema pode cambiar o comportamento dun neno" .Son as palabras do  escritor vigués Antonio García Teijeiro que obtivo este martes o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa obra Poemar o mar, escrita en galego.
O autor afirma que non escribe poesía infantil senón poesía para nenos e nenas.
Poemar o mar, ilustrado por Xan López, é un libro de poemas que forma parte dunha triloxía composta ademais por En la cuna del mar e Palabras do mar, tres obras que teñen o mar como gran protagonista.



http://diariodepontevedra.galiciae.com/noticia/763147/el-escritor-vigues-antonio-garcia-gana-el-nacional-de-literatura-infantil-por-poemar

http://www.farodevigo.es/sociedad/2017/10/04/antonio-garcia-teijeiro-poema-cambiar/1760945.html

2 de out. de 2017

Horario da bilioteca

Xa está acordado o horario da biblioteca neste curso. 

Cada unha das aulas ten adxudicada unha sesión do horario lectivo, momento no que acudides á biblioteca coa vosa titora ou titor e faredes actividades de dinamización e fomento da lectura, buscas de información, alfabetización en información, formación de usuarios ou préstamos para casa. 

Procuramos que puiderades coincidir coa presenza dalgunha compoñente do equipo da biblioteca, pero non sempre é posible. 

Os venres o 2º ciclo de E. Infantil ten reservada a 4ª sesión (despois do recreo). 

Tamén podedes acodir nos recreos de forma voluntaria; nese caso contaredes coa axuda  do alumnado colaborador (nenas e nenos de 5º e 6º de E. primaria) e unha mestra do equipo. 

A biblioteca abre tamén todas as tardes de 16h a 17.45h. Podes ir a ler, estudiar e traballar,  tanto individualmente como en grupo. Cada día unha mestra ou mestre do colexio estará aquí para axudarte. 


Anímate, e ven á biblioteca; agardámoste. 

Nova tempada Espazo Lectura

Espazo Lectura comeza esta nova tempada con ilusións renovadas despois do descanso estival. Os equipos coordinadores están preparando unha programación variada e ilusionante, aberta a quen queira participar, que, coma sempre, procura o fomento da lectura en lingua galega.

Este ano, inaugurarase a tempada na Casa da Lectura (A Nogueira 8, Donas-Gondomar) coa primeira das sesións semanais de Os Mércores na Casa da Lectura. O mércores 4 de outubro, a partir das 18:00 horas haberá unha sesión especial protagonizada por Bea Campos e Paulo Medal de Migallas Teatro, que leva por título “Contos nas orellas”.

18 de set. de 2017

Aprender a pensar coa biblioteca escolar


"Aprender a pensar coa biblioteca escolar" é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita a comezos do curso 2017/2018 con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. O ilustrador Xosé Tomás foi o encargado, nesta ocasión, de realizar a  interpretación gráfica do lema anual. 

A experiencia de Xosé Tomás como profesor de inglés no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), centro que conta cunha biblioteca moi activa, sen dúbida está detrás da amplitude de posibilidades que imaxina na súa recreación  gráfica.

Atender a biblioteca escolar do centro supón, para comezar, o reto de deseñar un espazo no que poidan pasar cousas. Un espazo que acolla a todos e todas e que mesmo (como na ilustración de Xosé Tomás), teña a capacidade de "abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de aprendizaxe. Seleccionar os materiais, organizar os recursos, facilitar o seu uso e organizar as actividades para a biblioteca escolar son tamén actuacións que, segundo o enfoque e o criterio co que se realice, poden facilitar ou dificultar esas aprendizaxes posibles.

Unha biblioteca  escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".

Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir. 
http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/

21 de xuño de 2017

A Fontiña

Xa está colgada no blogue do E.D.L.G. do cole o número da revista A Fontiña deste curso.
Quedou unha revista moi ,moi atractiva cunha morea de traballos diferentes exemplo do que fixemos nas aulas neste curso: experimentos, menús, arte, saídas, experimentos, textos, ..... .



31 de maio de 2017

Visita de Ledicia Costas


 

Hoxe, mércores 31 de maio o alumnado de 6º de educación primaria tivo a sorte de recibir a visita de Ledicia Costas, a autora de Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais), libro polo que recibíu os premios: Premio Merlín de Literatura Infantil 2014 - Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil 2014 -Premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de LIX 2014 - Premio Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014 - Premio Nacional de Literatura Infantil, 2015 - Lista de Honra do IBBY, 2016. 
 
 

Ledicia falounos do seu avó conductor, da súa avoa e do gato que un día desapareceu de casa sen que ninguén soupera por que; explicou as razóns polas que escribíu un libro que fala da morte dende un punto de vista un tanto divertido, e como nese mundo o tempo leva un ritmo máis lento. Porque Nicotina é a conductora do autobús, ou como sabemos que as receitas de cociña funcionan de verdade.  


Foi un pracer preguntarlle e saber máis cousas de Ledicia e dos seu libro. Grazas


11 de maio de 2017

Valoración das actividades da biblioteca

Precisamos a vosa valoración das actividades de biblioteca para modificar, engadir ou reiterar as actividades que realizamos para elo só debedes cubrir o formulario e darlle a envíar. Grazas

9 de maio de 2017

Visita IES Carlos Casares


O luns 8 de maio recibimos a visita do IES Carlos Casares invitados polo Equipo de Dinamización Lingüística. Viñeron varias profesoras acompañadas por un grupo de alumnas e alumnos para presentarnos diferentes actividades a realizar sobre Carlos Casares, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Con anterioridade á súa visita compartiron connosco dúas adaptacións da súa biografía,  que debíamos ler con anterioridade: 
  • 3º e 4º de primaria: "O xogo do tren"
  • 5º e 6º de primaria: "Carlos Casares, un relato de película".
Cando chegaron ao colexio, xa estabamos reunidos por niveis e separáronse para levar a cabo as actividades que traían preparadas para cada un dos niveis; todas eran diferentes!

Queremos felicitar ao alumnado e profesorado polo traballo realizado no seu traballo Galaxiacasares e agradecerlles que viñeran compartilo. Grazas


3 de maio de 2017

Actividades Letras Galegas

logopetit.jpgPROGRAMA DE ACTIVIDADES
SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

En colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística a Biblioteca Paporrubio programou as seguintes actividades:

Luns 8 de maio. 9.30 a 11 horas. Visita do IES Carlos Casares (Vigo); compartiran o seu proxecto Galaxia Casares

Martes 16 de maio. Actuación do cantautor  PACO NOGUEIRAS.
  •   9:30h a 11h: Infantil e 1º Primaria
  •   12h a 13:30h.: de 2º a 6º Primaria

Xoves 18 de maio: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas representado por alumnado axudante de Biblioteca
  • 9.30 a 10.30: E.Infantil
  • 10.30 a 11.30: 1º, 2º e 3º de E. Primaria
  • 12.30 a13.30: 4º, 5º e 6º de E. Primaria

Venres 19 de maio: A galiña azul adaptada e representada por alumnado axudante de biblioteca
  • xeografia historia.jpg9.30 a 10.30: 1º, 2º e 3º de E. Primaria
  • 10.30 a 11.30: 4º, 5º e 6º de E. Primaria
  • 12.00 a 13.00: E. Infantil

Dende o 10 de maio exposición da vida e obra de Carlos Casares na entrada da Biblioteca e carteis nos corredores.

Podedes ver máis actividades no blogue do EDL  http://chanamosengalego.blogspot.com.es/

27 de abr. de 2017

Xornal A VOZ DO CHANO

Durante a semana da prensa e ao longo de todo o mes de marzo, o alumnado do CEIP CHANO PIÑEIRO traballou os diferentes tipos de prensa, coñeceron tipoloxías textuais variadas e manexaron as diferentes seccións dos xornais. De todo ese traballo xurdiu o xornal da escola "A VOZ DO CHANO" que podedes ver na biblioteca.


https://issuu.com/cesarmougan/docs/xornal_a_voz_do_chano_2016-17201704


25 de abr. de 2017

Lecturas ao sol

O luns 24 de abril tivemos a sorte de que non chovera e o sol acompañounos na hora de ler. Tal e como tiñamos previsto sacamos as nosas lecturas ao patio e levamos a cabo as nosas lecturas ao sol tanto en grupo como individualmente.

Aqui podedes ver algunha das imaxes dese día


3 de abr. de 2017

Contacontos

Abril é o mes dos libros xa que neste mes celebramos dúas datas moi importantes arredor dos libros: o día do libro infantil e xuvenil (2 de abril) e o día dolibro (23 de abril). O alumnado colaborador coa biblioteca preparou diferentes lecturas para compartir con todos nós. Comezarán o 18 de abril seguindo o calendario recollido neste documento:

30 de mar. de 2017

Liña do tempo

O equipo TIC do colexio fainos chegar unha aplicación moi útil para crear unha liña do tempo. As liñas do tempo son o recurso máis doado para entender a cronoloxía de feitos e sucesos que acontecen ou aconteceron, entender a súa simultaneidade ou implicacións. 

De cotío realizamos as liñas do tempo en papel, pero con esta aplicación, My hystro, podemos realizala dende o ordenador e engadirlle enlaces, informacións, textos, imaxes, ... 

Podedes utilizala dende a conta de gmail do grupo, e ver os resultados que conseguides. Este é o seu  titorial



Cubo de Rubik

O colexio leva tempo cheo de nenas e nenos co seu cubo de Rubik ás voltas.

O cubo de Rubik é un crebacabezas en tres dimensións inventado  por Rubik en 1974 consistente nun cubo  con seis cores uniformes (tradicionalmente blanco, vermello, azul, laranxa, verde e amarelo)Cada cara xira independentemente por un mecanismo de eixos, mezclando as cores. Para resolvelo cada cara debe volver a quedar nunha soa cor.

Non sempre é doado atopar a resolución do mesmo, por eso dende a biblioteca atopamos materiais que vos poden ser de axuda. Nesta páxina atoparedes a solución en 7 pasos , El cubo de Rubik de la A a la Z,

Tamén podedes ver este vídeo que explica como resolvelo en base a movementos marcados:

 

29 de mar. de 2017

2 de abril: Día do Libro Infantil e Xuvenil



Achégase abril, o mes dos libros (como acostuman a denominalo moitas bibliotecas escolares) e con el unha das datas máis significativas para os mediadores e mediadoras de lectura, o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil no que se celebra o nacemento de Hans Christian Andersen. Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on books for Young People), a súa sección española a OEPLI xunto coas entidades colaboradoras como GALIX, en Galicia, editan un cartel cunha mensaxe e unha imaxe especialmente deseñada para este día. Nesta ocasión, a sección de Ibby de Rusia foi a encargada da elaboración deste cartel. O texto, do escritor ruso Sergey Makhotin fala da importancia do libro como acompañante imprescindible no proceso de maduración persoal ao longo da vida, e do pracer que o libro e a lectura proporcionan. O debuxante e ilustrador Mikhail Fedorov pon a imaxe a este cartel que se difunde xunto co texto nas catro linguas do estado. Tamén está accesibe en inglés e ruso a través da páxina de Ibby. Coma en anos anteriores, GALIX anima a centros escolares, bibliotecas e librarías a colaborar na difusión desta mensaxe. Así mesmos, as bibliotecas e centros educativos poden participar no concurso "Andersen hoxe" que para a celebración deste día organizan a OEPLI e todas as súas seccións. Pódese acceder a toda a información nesta ligazón. http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/945

Medremos co libro.

Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase. 
De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo. 
Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación. 
Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo. 
Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño. 
Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer. 
E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís! 
Sergey Makhotin 
Traducción: Sabela González Panizo 

28 de mar. de 2017

Utilización de Google Drive

Cada vez no colexio utilízase máis o Drive para elaborar documentos, presentacións, bases de datos e principlamente en 5º e 6º de educación primaria eentre o profesorado. Esta aplicación de google permítenos traballar en rede de forma cooperativa e instantánea, comentar nos documentos elaborados por outras persoas e modificar ao momento o que xa teñamos feito ou publicado. Deixamos aqui un titorial elaborado por Rosa Liarte Alcaine sobre o uso do Google Drive.

21 de mar. de 2017

Buscando na OPAC Meiga

A miúdo temos problemas para saber si na biblioteca temos un libro concreto ou material sobre un tema. Para axudarnos na nosa busca dos fondos que temos catalogados no Meiga, as nosas compañeiras Asun Carballo e Mónica Ruiz fixeron este material:


Como práctica, podedes buscar libros no noso catálogo simplemente premendo na pestaña Os nosos fondos e probando.

20 de mar. de 2017

Visitamos o Contomar

O luns 13 de marzo Eli, María José, Germán e Sara visitaron o Contomar de Espazo Lectura para compartir contos coas nenas e nenos. 

No blogue de Espazo Lectura, recollen o evento: 
"A semana pasada visitou o Contomar un grupo de profes do Chano Piñeiro de Gondomar. Contáronnos primeiro “Riciños de oso”, “Felipe tiene gripe”, facendo esbirrar aos máis de 40 nenos e nenas que nos acompañaban, e “La avellana”. Despois, da man do señor Gravata Torta, escoitamos máis contos cos que os nenos desfrutaron, riron e se moveron moitísimo. Contos como “O homiño de mazapán”, “Temos un plan”, “Cucu trás trás” (estes dous contounos coa axuda de tres nenas da súa clase), “Un poco perdido” e “Mi mono y yo”, co que despedimos a sesión. Moitas grazas ao magnífico equipo de profes polo seu tempo e dedicación!! Aquí pódense ver as fotos dese día:

CELEBRACIÓN DA SEMANA DA POESÍA

Esta semana estamos a celebrar a semana da poesía coa realización de recitais diarios na nosa biblioteca. A nosa celebración centrarase principalmente en dous autores tan importantes como Gloria Fuertes e Miguel Hernández.

  • Exposición de poesía arredor das figuras de Gloria Fuertes (2017: centenario do seu nacemento) e Miguel Hernández (2017: Ano de Miguel Hernández): do 20 ao 24 de marzo.
  • Exposición de diferentes textos poéticos creados polo alumnado : 5º e 6º E.P.: Haikús, 3º e 4º E.P.: poemas usando unha soa vogal e/ou poemas sen sentido, 1º e 2º E.P.: poemas creativos (conciencia fonolóxica, textos rimados, ...)  e E.Infantil: pareados. (21 de marzo). Hai colocados diferentes papeis polos corredores para pegar os poemas. Os recursos están no caderno reenviado o luns 13. 
  • Do 20 ao 21 de marzo na hora de ler: lectura pública de poemas propios ou alleos individuais ou en grupo na biblioteca, . Non máis de 3 poemas por aula. 
  1.  día 20: 5º e 6º E.P.
  2. día 21: 3º e 4º E.P.
  3. día 22: 1º e 2º E.P.
  4. día 23: Educación infantil
  5. día 24: profesorado

16 de mar. de 2017

Visita de Fran Alonso

Hoxe recibimos a visita de Fran Alonso como preparación para a semana da poesía.
O alumnado de 3º e 5º de E. Primaria entraron en contacto coas catro patas da poesía: a palbra, o silenzo, a música e a maxia e poideron escoitar poemas dos seus libros "O meu gato é un poeta" e "Poemas birollos para ler cos ollos" editados por Xerais.

                                                     

   

    
  Despois, as nenas e nenos de 6º de E. Primaria tiveron un encontro arredor do libro "Contos nerviosos"editado pola editorial Embora, onde volve aparecer o silenzo atopando o seu lugar na fantasía infantil
                                      
imaxes das portadas: http://cabrafanada.blogspot.com.es/

12 de mar. de 2017

Semana da Poesía

O 21 de marzo é o día da Poesía e dende a biblioteca queremos preparar unha exposición con poesías elaboradas polo alumnado. É o momento idóneo para traballar nas aulas todos os aspectos curriculares que recollen este tipo de texto literario, e que mellor momento que este xa que sacaremos os materiais cos que conta a biblioteca.

A nosa idea é que o alumnado cree as súas poesías ou poemas de forma libre e creativa, para o que axuntamos un documento (Obradoiro de poesía) con apuntamentos sobre o xeito de traballala. Tamen podedes entrar no enlace que está a continuación que vos remitirá aun documento  issu que tamén figura no blogue da biblioteca para poder acceder utilizando os cañóns.





2 de mar. de 2017

Kahoot. Información para "profes"

Dende o equipo TIC chéganos información sobre o uso do kahoot na aula. 
Trátase dunha aplicación que nos permite repasar contidos dunha forma grupal e divertida utilizando os dispositivos móviles dos que dispón o centro (tablets, portablets, ebooks,)


O máis doado é que sexa o profesorado o que elabore o kahoot  como ferramenta para comprobar que sabe o alumnado sobre un tema concreto, pero tamén podemos pedirlle ao alumnado que elaboren os seus propios kahoot como avaliación de contidos e de elaboración de textos. 
Animádevos a probar esta aplicación na aula.

1 de mar. de 2017

Semana da prensa

Axuntamos unha infografía para traballar os diferentes textos periodísticos e a Unidade didáctica elaborada polo colexio no curso 2015 - 2016.



28 de feb. de 2017

Emprego de imaxes

A miudo nos nosos traballos debemos utilizar imaxes, ben para ilustrar unha idea ou para facelo máis atractivo. Ás veces fotocopiamos ou recortamos unha imaxe dalgún libro vello, revista, periódico,.... outras descargámolo directamente de internet. 

Fagamos o que fagamos as imaxes sempre teñen autoría e por iso debemos poñer sempre o lugar de onde o sacamos e quen é o seu dono. 

Mónica Muñoz, mestra do CEIP de Frián, Teis, elaborou unha guía de emprego de imaxes que debedes ler antes de descargar imaxes para os vosos traballos




21 de feb. de 2017

Homenaxe a nosa Rosalía

Esta semana adicada a nosa ilustre escritora, decidimos facerlle una pequena homenaxe decorando os chanzos das nosas escaleiras con versos dela.






Manifesto da AELG polo Día de Rosalía


En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.

En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!

Ledicia Costas
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

10 de feb. de 2017

Rosalía Pequeniña

Aquí vos deixamos, especialmente para os máis pequenos, esta marabillosa canción sobre Rosalía cantada por Uxía:






Adiós Ríos, Adiós Fontes - Rosalía de Castro / Amancio Prada

8 de feb. de 2017

Só a lembranza de onde veño, me axuda a saber cara onde vou...ROSALÍA DE CASTRO

Achegándose o 24 de febreiro, día adicado a Rosalía de Castro, dende a nosa escola queremos facer unha pequena viaxe percorrendo un pouco da vida e obras da nosa ilustre escritora. Se pinchades na seguinte imaxe podedes acceder a súa biografía:




Ademais poderedes descubrir moitas cousas sobre ela entrando no seguinte enlace pinchando na imaxe;




31 de xan. de 2017

O cómic

O equipo de TIC achéganos un enlace sobre o uso do cómic como ferramenta educativa:

Dende este enlace poderedes acceder as diferentes aplicacións.
Sabemos que o alumnado de 5º de educación primaria elaborou comics sobre El principito utilizando Pixton