29 de mar. de 2017

2 de abril: Día do Libro Infantil e Xuvenil



Achégase abril, o mes dos libros (como acostuman a denominalo moitas bibliotecas escolares) e con el unha das datas máis significativas para os mediadores e mediadoras de lectura, o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil no que se celebra o nacemento de Hans Christian Andersen. Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on books for Young People), a súa sección española a OEPLI xunto coas entidades colaboradoras como GALIX, en Galicia, editan un cartel cunha mensaxe e unha imaxe especialmente deseñada para este día. Nesta ocasión, a sección de Ibby de Rusia foi a encargada da elaboración deste cartel. O texto, do escritor ruso Sergey Makhotin fala da importancia do libro como acompañante imprescindible no proceso de maduración persoal ao longo da vida, e do pracer que o libro e a lectura proporcionan. O debuxante e ilustrador Mikhail Fedorov pon a imaxe a este cartel que se difunde xunto co texto nas catro linguas do estado. Tamén está accesibe en inglés e ruso a través da páxina de Ibby. Coma en anos anteriores, GALIX anima a centros escolares, bibliotecas e librarías a colaborar na difusión desta mensaxe. Así mesmos, as bibliotecas e centros educativos poden participar no concurso "Andersen hoxe" que para a celebración deste día organizan a OEPLI e todas as súas seccións. Pódese acceder a toda a información nesta ligazón. http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/945

Medremos co libro.

Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase. 
De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo. 
Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación. 
Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo. 
Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño. 
Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer. 
E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís! 
Sergey Makhotin 
Traducción: Sabela González Panizo 

Ningún comentario:

Publicar un comentario