21 de feb. de 2017

Homenaxe a nosa Rosalía

Esta semana adicada a nosa ilustre escritora, decidimos facerlle una pequena homenaxe decorando os chanzos das nosas escaleiras con versos dela.






Manifesto da AELG polo Día de Rosalía


En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.

En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!

Ledicia Costas
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

10 de feb. de 2017

Rosalía Pequeniña

Aquí vos deixamos, especialmente para os máis pequenos, esta marabillosa canción sobre Rosalía cantada por Uxía:






Adiós Ríos, Adiós Fontes - Rosalía de Castro / Amancio Prada

8 de feb. de 2017

Só a lembranza de onde veño, me axuda a saber cara onde vou...ROSALÍA DE CASTRO

Achegándose o 24 de febreiro, día adicado a Rosalía de Castro, dende a nosa escola queremos facer unha pequena viaxe percorrendo un pouco da vida e obras da nosa ilustre escritora. Se pinchades na seguinte imaxe podedes acceder a súa biografía:




Ademais poderedes descubrir moitas cousas sobre ela entrando no seguinte enlace pinchando na imaxe;